Amosando publicacións coa etiqueta apoderamento. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta apoderamento. Amosar todas as publicacións

domingo, 18 de xaneiro de 2026

Dibubreiro 2026 con sorteo!

O Dibubreiro é un reto de debuxo que fixemos o pasado 2025 e, visto o éxito, repetimos este 2026. Como o reto de debuxo máis coñecido (xa sabes cal) coincide nun mes de moito lío porque é o comezo do curso, inventamos este: dibu ( de dibujo) + breiro ( de febreiro).


É un reto para practicar debuxo de maneira libre e lúdica, así como xerar comunidade e ilusión ao redor das ideas e as liñas. Se propón como unha actividade moi libre polo que tamén o podes levar ao colaxe, á fotografía ou a mestura de todo; eu recoméndoche empregar as mans, tocar papel e volver ao lapis e técnicas sinxelas.


Contarvos que o reto está deseñado polos rapaces e rapazas do mércores que elixiron o tema, a partir do cal foron xuntando palabras; realizaron unha selección e fixeron un sorteo para adxudicar número de día e palabra. Hai moita ilusión e risas postas no Dibubreiro.


Como podes participar? Pois dende casa facendo cada día o teu debuxo do listado do Debubreiro, anímate!.

O alumnado do tallerdepolo irá compartindo no taller, no grupo de wasap ou en rrss os seus debuxos diarios.

 

 


Comparte o reto e anima ao teu entorno a explorar a súa creatividade!


Se non eres alumno do tallerdepolo podes compartir con nós os teus aportes a través do Instagram etiquetando a @polo_tallerdepolo para compartir en stories e así ver entre todxs as nosas diferentes formas de mirar ;)

E, podes participar a través desta red social no sorteo dun Vale de clases. Para iso hai que facer os 28 debuxos e compartirmos no teu perfil ou por stories, a totalidade antes do 6 de marzo. Escribe por privado para que eu poida estar atenta á túa participación.

Unha vez recollida/comprobada a vosa participación entraredes no sorteo do Vale de clases canxeable por 1 mes de clase en grupo ( 2 horas á semana) ou unha mentoría individual de 1 hora ou, se non podes vir ao taller, podes cambialo por unha pintura acrílica orixinal de valor similar-.



A verdade é que é divertido ir compartindo liñas e formas xunt@s, cada persoa ao seu ritmo, unhas veces hai máis tempo para adicarlle outras veces simplificamos a idea. Verás como debuxar cada día uns minutos vai xerando unha resposta na tua imaxinación que se activa e se volve máis rápida e enxeñosa.



1. Quenlla

8. Porto

15. Corais

22. Turistear

2. Onda

9. Balea

16. Raia

23. Chalana

3. Mariscadora

10. Naufraxio

17. Nemo

24. Azul

4. Robaliza

11. Pirata

18. Navegar

25. Contaminación

5. Florinda (avoa redeira)

12. Algas

19. Polbo

26. Prestige

6. Aboiar

13. Surfista

20. Profundidade

27. Faro

7. Serea

14. Sardiña

21. Mergullar

28. Centola



Tiburón- Ola- Mariscadora- Lubina- Florinda (abuela redeira)- Flotar – Sirena- Puerto – Ballena – Naufragio- Pirata- Algas- Surfista- Sardina- Corales- Manta raya -Nemo- Navegar- Pulpo- Profundidad- Bucear-Turistear- Bote- Azul- Contaminación- Prestige- Faro- Centollo.


sábado, 6 de setembro de 2025

PRÓXIMAS ACTIVIDADES

 Volve o Mosaico da Memoria :) esta vez en Teo e en Vigo. 

Únete a crear en comunidade esta obra grande polo que representa e porque da visibilidade a tantas mulleres que normalmente quedan aí agochadas... os coidados, os afectos,... ti sabes. 



O sábado 20 de setembro estarei en Cacheiras, Teo, no Local de María Xosé Díaz e só tes que reservar a túa praza escribindo ao email polotallerdepolo@gmail.com e así te explico os detalles. 

O sábado 27 de setembro estarei en Vigo, na Asociación Lar de Sopas de 11:00 a 14:00 e de catro a seis, argallando xuntas este mosaico. 

Sabes que é unha actividade gratuíta para as participantes. Pero si que tes que traer algún material persoal que te indicarei por correo cando realices a túa reserva. 



En Teo podes ver a miña expo individual no Local de María Xosé Díaz durante setembro e parte de Outubro. Inauguración o día 12 , estás convidadx! 




venres, 20 de xuño de 2025

MOSTRA DE PROCESOS DO LABORATORIA 2025

A arte está á nosa disposición para xogar co mundo e para entendelo dende esa experimentación. Como mulleres, a nosa voz escóitase menos e máis baixa dende unha inseguridade esculpida na nosa educación dende a infancia. O Laboratoria propón a arte para darnos voz e investigar os temas que nos interesan dende un espazo seguro onde sentir que medramos. 

O sábado 14 de xuño falamos e compartimos co público asistente os procesos de creación abertos nos últimos meses. Un evento cheo de complicidade co Laboratoria, complicidade co grupo e que nos dá a seguridade de estar creando algo ben fermoso e importante no noso barrio, na nosa cidade e para toda a sociedade. 

 

Volvemos en Outubro con forza e, se queres formar parte de esta experiencia escribe pronto a polotallerdepolo@gmail.com 


Fotografías de ergkillo 




venres, 13 de xuño de 2025

LABORATORIA. MOSTRA DE PROCESOS CREATIVOS.

Este sábado 14 de xuño presentamos os procesos de creación abertos nos últimos meses no grupo Laboratoria. 

Como sabedes este é un grupo de mulleres que aborda de maneira conxunta un camiño de creación no que cada participante elixe unha temática a investigar e desenvolver mediante a linguaxe artística. 

Acompañadas neste camiño por Polo que cada mes fai unha proposta práctica ou teórica que abra novos carreiros para continuar. Refórzase a experiencia con titorías individuais que faciliten o achegamento á práctica artística. 

Este é un espazo que xurde da convicción de que a arte é unha ferramenta de transformación persoal e social aberta a todas as persoas. Como mulleres podemos empregala para o empoderamento e investigación de temáticas que nos preocupen.

Lembra a cita; 

sábado 14 as 19:00 horas na Tobeira de Oza, ao principio da rúa Merced na Coruña. 

Esperámoste!!



martes, 8 de outubro de 2024

EXPOSICIÓN EN A FÁBRICA de OLEIROS

O mércores 16 de Outubro inauguramos expo no Centro Cultural de A Fábrica de Oleiros. Unha celebración do noso gusto por pintar e de tantos anos que levamos xuntos unidos pola arte. 

Levaremos obras as profes; Julia Aguiar, GiselaPolo e tamén teremos traballos das artistas do laboratorio creativo máis pinturas dos artistas do tallerdepolo e como non dos peques do @atelierconjulia. 

Pintamos porque temos que pintar e así seguiremos mentras o corpo nolo pida! Estades convidadxs á inauguración e, se non podedes, ide a vela noutro momento e ademais desfrutade da contorna espectacular na que se atopa a sala.

#pintoqueteñoquepintar




xoves, 13 de xuño de 2024

Próximos encontros do Mosaico da Memoria

 

Convidámoste a formar parte do proceso de creación dun mosaico que recolle a parte feminina do noso pasado, re-visitando ás nosas mulleres referentes; avoas, nais, tías, amigas,... unha oportunidade para conectar e entender ás mulleres que nos precederon. O pasado aínda nos constrúe?

Realizaremos unha obra artística que une todas as pezas que vaiamos creando en diferentes obradoiros e lugares ao longo deste ano e próximo. Empregaremos o colaxe como técnica guía ou predominante podendo incluírse tamén debuxo ou o que xurda no momento e segundo os materiais que teñamos a man.

Actividade gratuíta para mulleres, os próximos encontros serán en Bergondo e na Casa Museo M Pita. Para o encontro en MPita aínda quedan prazas podes reservar escribindo a polotallerdepolo@gmail.com ou no tlf 617 293 024. 


E lembra que aínda podes visitar a exposición Mosaico da Memoria ata o día 30 de xuño na Casa Museo María Pita.

 


 

 







 

martes, 28 de maio de 2024

MOSAICO DA MEMORIA exposición en Casa Museo M Pita

 

Queridxs artistas!  

Estamos de celebración xa que Polo inaugurou o mércores 22 de maio ás 19:00 horas na Casa Museo M Pita a exposición Mosaico da Memoria na que exhibe dúas pezas que poñen en valor ás mulleres que nos precederon.

O Mosaico da memoria é unha obra participativa na que a partir de encontros, inicialmente non mixtos, rememoramos ás mulleres que foron referentes para nós. Máis de cincuenta persoas colaboraron na realización de esta peza na que cada unha recrea unha parte do mosaico a partir dos seus albumes de fotografías familiares. Ata o de agora realizáronse encontros en varios barrios de A Coruña, Betanzos e Pontedeume e a obra seguirá medrando xa que realizaranse novos encontros ao longo deste ano e o vindeiro.

A mostra permanecerá na Casa de María Pita ata o 30 de xuño e antes de que finalice realizarase un encontro na propia sala de exposición que fará do Mosaico da memoria unha peza viva. 

 

Vémonos alí!!


 

luns, 10 de xullo de 2023

Creando un Mosaico da memoria das mulleres que nos preceden

Queremos convidarte a que formes parte do proceso de creación dunha paisaxe que recolle a parte feminina do noso pasado, re-visitando ás nosas mulleres referentes; avoas, nais, tías, amigas,...  unha oportunidade para conectar e entender ás mulleres que nos precederon. O pasado aínda nos constrúe? 

Se estaś interesada en participar escribe a laboratoriocreativopolo@gmail.com para saber as necesidades da actividade e organizarnos o mellor posible, esta é unha actividade gratuíta para mulleres, dentro dun proceso de creación e investigación sobre os coidados. 

Benvidas!


Luns 17 de Xullo
de 17:00 a 20:00 horas
Faro de Oza





martes, 28 de febreiro de 2023

EXPOSICION na Casa Museo M Pita dos procesos creativos abertos polo Laboratorio Creativo

 Inauguramos o venres 3 de marzo de 2023 , as 18:30 horas unha exposición con traballos e procesos creativos abertos no último ano no laboratorio creativo que levamos adiante no tallerdepolo. Estades convidadxs a pasar o día da inauguración ou ao longo do mes de marzo por ese bonito museo.




Somos un grupo de mulleres que nos reunimos unha vez ao mes nun laboratorio creativo coa guía da artista Dores Polo para compartir un proceso creativo de reflexión acerca de distintos intereses persoais. Algunhas de nós non temos experiencia plástica ou artística e imos experimentando e compartindo un camiño aberto á creatividade co resto do grupo, descubrindo como todas podemos expresar e compartir sentimentos e pensamentos de maneiras que non esperabamos.
Compartir proceso é unha parte fundamental para medrar e ter confianza nas nosas habilidades. Nesta exposición vemos pezas que son froito de meses traballando e experimentando ao redor dun tema de interese. Cada participante aborda unha temática ou un problema a investigar e observar dende novos ángulos.

domingo, 30 de outubro de 2022

Laboratorio Creativo OUTUBRO

O laboratorio é un espazo que facilita procesos creativos individuais sendo acompañadas e reforzadas polo grupo, acompañándovos eu a través dun obradoiro mensual no que exploraremos teoría, e práctica artística e miraremos tamén un pouco para dentro de nós e saber que temos que activar para dar os seguintes pasos. 

O grupo de laboratorio confórmase de máximo seis mulleres que coincidimos unha tarde ao mes, suele ser un sábado. O obradoiro dura un mínimo de tres horas pero se suele alargar bastante máis.  Ademais conta con unha titoría individual cada trimestre. 

Xa empezamos este Outubro a darlle forma a un grupo de traballo, queda unha praza dispoñible para que te animes a empezar con nós.  É unha experiencia moi bonita que nos da moita forza para crear, e non é preciso que fixeras antes algo de pintura ou debuxo. 










 

 



 

 

Taller na Asociación veciñal Os Nosos Lares de Palavea

Un novo convite dende o barrio de Palavea, moi agradecida a esas veciñas que se achegaron o día 26 de Outubro a compartir un momento de ledicia e moita consciencia do ser e estar. Gracias á Os Nosos Lares por contar comigo unha ocasión máis e pola labor que están a facer dinamizando do barrio.

Debuxo e a pintura son linguaxes ao alcance de todas nós.

Serven para expresarnos, para mostrar como nos sentimos e transformar enerxías do noso interior en liñas cheas de poder. Por experiencia propia sei o moito que nos pode aportar a arte, como pode revisar a nosa historia de vida e xerar novas formas de ver e interpretar o que temos ao redor, o que cremos ser e como nos relacionamos con estereotipos e prexuízos. 

Neste obradoiro collimos un pouco de poder a través da liña e da súa expresividade. A tinta e as sorpresas que nos da e a música como guía do movemento da nosa man.

Un novo convite dende o barrio de Palavea, moi agradecida a esas veciñas que se achegaron a compartir un momento de ledicia e moita consciencia do ser e estar.








venres, 7 de outubro de 2022

Taller de ARTE para a ESCOLA DE APODERAMENTO E BENESTAR do Concello de A Coruña

 

Preséntovos un novo taller, moi especial, para este último trimestre do ano deseñado para mozas que queiran explorar e dar forma a emocións así como reflexionar sobre o seu lugar no mundo.

Por experiencia propia sei o moito que pode aportar a arte ás nosas vidas, como pode revisar a nosa historia de vida e xerar novas formas de ver e interpretar o que temos ao redor, o que cremos ser e como nos relacionamos con estereotipos e prexuízos.


Este obradoiro de arte impartido no marco da Escola de Apoderamento e Benestar do Concello de A Coruña, está destinado a mozas de 12 a 17 anos, terá unha duración de 10 horas distribuídas en cinco sesións de dúas horas dende o 4 de Novembro ao 2 de Decembro.


Nace cos obxectivos de dotar de ferramentas técnicas e artísticas para a expresión emocional, canalizar a expresión e a reflexión sobre as emocións e os debates internos a través da arte. Dar a coñecer a obra de artistas que realizan as súas pezas con enfoque de xénero e proporcionar figuras de relevancia e role models coas que sentirse identificadas contribuíndo ao seu apoderamento.


Traballaremos o apoderamento persoal e colectivo coa arte como medio para a interpretación das emocións. A capacitación emocional empregando a expresión artística como ferramenta para enmarcar, dar nome e “saídas” as emocións así como a capacidade de crítica e reivindicación na auto- reafirmación.


Empregaremos diferentes técnicas, grafito, acuarela, tinta, rotuladores, etc. experimentando unidas para expresarnos dende a liberdade ao tempo que falaremos sobre a obra de artistas referentes que nos aporten puntos de vista e ilusión para enfocar a vida. 

Vai ser un espazo máxico para medrar. Reserva xa a túa praza! e comparte se coñeces mozas que poderían desfrutalo :)

 




https://www.coruna.gal/igualdade/es/programas-y-actividades/escuela-de-empoderamiento-feminista?argIdioma=es