luns, 9 de novembro de 2026

DIBUBREIRO 2027

 Atención! que volve o dibubreiro; o reto de debuxo aberto á participación de todxs! 

 

O buzón que atoparás no espazo xuvenil O Remanso

 O Dibubreiro é un reto de debuxo para o mes de febreiro: consiste en facer un debuxo ao día (28 en total, agás nos anos bisestos) para completalo.

Orixe e evolución

  • 2025: Naceu como unha iniciativa dos estudantes do tallerdepolo para achegarse ao debuxo, coller confianza dunha maneira ampla e participar activamente en toda a actividade. O tema elixido foi Arte.

  • 2026: repetimos Dibubreiro realizando todo o proceso dunha forma máis consciente, o tema elixido foi o Mar.

  • 2027: Este ano o reto expándese dende o tallerdepolo a O Remanso, un espazo do Concello para a mocidade situado en Catro Camiños e coordinado por Silvia Cebeira e Rubén Moar.

Fases do reto

Para facer noso este reto, organizámolo en 5 pasos:

1. Escolla do tema

Abrimos unha caixa ou taboleiro para que poidades achegar as vosas ideas e intereses. Buscamos un tema que sexa amplo pero específico ao tempo, e que resulte interesante para pensar en imaxes.

2. Choiva de ideas e selección de palabras*

Unha vez elixido o tema, crearemos un listado con palabras vencelladas ao concepto, divididas nestes grupos:

  • Nome común

  • Acción

  • Palabra que represente algo abstracto ou intanxible

  • Nome propio

Despois, seleccionaremos unha lista definitiva de 28 palabras representativas e axeitadas para o reto.
* Aquí tes un par de exemplos de edicións pasadas: no primeiro Dibubreiro, cando o tema foi Arte, escolleramos palabras como pincel (nome común) ou o da artista Maruja Mallo (nome propio). No segundo, centrándonos no Mar, propuxemos accións como navegar e conceptos abstractos como profundidade.

3. Publicación do listado (Antes de febreiro)

Publicaremos a listaxe do Dibubreiro para que podades preparalo con tempo. Tamén compartiremos recursos e consellos para afrontalo con enerxía.

4. A debuxar! (En febreiro)

Toca crear un debuxo ao día ata que remate o mes.

  • Podes compartir as túas achegas etiquetando a @polo_tallerdepolo para que as compartamos nas historias de Instagram.

  • Importante: Garda todos os debuxos para demostrar que completaches o reto e poder participar no sorteo final.

5. Sorteo e exposición (Marzo)

  • A principios de marzo realizaremos un sorteo entre todas as persoas que participaran activamente no centro xuvenil O Remanso, no tallerdepolo ou a través de Instagram. A persoa gañadora deberá levar todos os seus debuxos ao Remanso para confirmar a súa participación.

  • Animámoste a formar parte da exposición do Dibubreiro cos teus mellores debuxos en O Remanso. Alí compartiremos os resultados, as nosas impresións, técnicas e materiais empregados, os resultados favoritos ou cales foron as palabras máis difíciles.



Participa no reto, aprópiate do debuxo como un vehículo para facilitar o día a día.




Máis información


Espazo Municipal Xuvenil O Remanso, aberto todos os días.

www.tallerdepolo.com / @polo_tallerdepolo en Instagram















 

Ningún comentario:

Publicar un comentario