venres, 3 de marzo de 2023

EXPOSICION CASA MUSEO MARIA PITA

 

 

Autora: Polo
Título: Filla, 2021
40x40 cm , técnica mixta sobre lenzo

Para esta exposición colectiva acompañada de grandes mulleres elixín participar co cadro Filla, que nun principio se chamaba Mai (madre) . Cambieille o nome ao decatarme de que filla é o que somos todas as mulleres,    a miña nai e eu somos fillas ámbalas dúas. Dende ese lugar podo sentirme unida a esa nai sabendo que moitas experiencias nos foron comúns, podo entendela mellor e querela máis.

Entendernos mellor, coñecernos a nós e ao que nos rodea é unha parte esencial do que facemos no Laboratorio Creativo. As artes axúdannos a explorar e comprender dende outras posicións, mirando dende novos lugares.
A arte é necesaria, a cultura é un alimento que non pode falta ao ser humano. Somos máis que as necesidades básicas de alimento e acubillo. Ter o noso cerebro activo; a imaxinación, os sentimentos, a ilusión ou os soños é imprescindible para a saúde e para unha humanidade realmente grande, transcendente.

Dende ese pensamento o laboratorio busca xerar dinámicas e experiencias para as participantes compartidas coa cidade, como esta exposición , na que  compartimos coas persoas visitantes obras finalizadas e partes de procesos de creación abertos. Anacos da nosa exploración na busca da mellora persoal e creativa. Que a exposición coincida coa proximidade do 8M fainos sentir felices de compartir dende este lugar ( a casa de María Pita)  , a ilusión infinita de medrar e dar visibilidade a procesos de apoderamento que nos transforman e amodiño mudan a historia cotiá, a historia importante. 

 Participantes

Alba PG, ChusA, Julia, Marta V, M Rojo, Natal, Paula Cabaleiro, P Cristobo, Salicornia, Vir, Violeta González Otero e Polo

 

Cóntovos un pouco do laboratorio creativo desenvolto no tallerdepolo dende finais de 2019

“O  Laboratorio Creativo é un espazo artístico formado por mulleres que se reúnen unha vez ao mes para desenvolver a idea creativa que cada unha ten en mente, e non é necesario ter coñecementos previos de arte.

Xuntámonos, vemos o que cada unha quere explorar e imos aprendendo na aula as técnicas e ferramentas necesarias para desenvolver ese proxecto. Desta maneira, cada quen adquire os coñecementos necesarios para ir avanzando de forma autónoma. E, ademais deste taller, tamén temos unha titoría individualizada unha vez ao trimestre para resolver dúbidas máis concretas e seguir avanzando con enerxía constante.

Este grupo é un punto de apoio para crear e reflexionar sobre esa idea  que te interesa, facelo en compañía a través da arte; mirando  o mundo e a ti mesma dende outro lugar. Podemos dicir que é un proceso de desenvolvemento individual e creativo que se impulsa grazas á forza de ser compartido coas compañeiras.
É enriquecedor ver como consegues expresar algo que antes non podías ver, como vas medrando ao cultivar a túa creatividade e forxas unha relación especial coas compañeiras. Unha especie de apoderamento creativo, que se vai concretando en eventos como esta exposición , na que compartimos con vós os nosos pasiños. Este feito de "exposición" é unha proba dura para algunhas de nós, un momento de exposición dos nosos sentimentos, de sentirnos vulnerables ao tempo poderosas, son pasos de visibilidade , de ocupar un espazo social ao que non pensaríamos chegar. É parte de facerse forte, dunha maneira sensible, non sei se me explico. 








Ningún comentario:

Publicar un comentario