domingo, 20 de xuño de 2021

Laboratorio Creativo, presentación de obras e procesos creativos abertos

Como sabedes neste último curso, dende marzo 2020 conformamos un grupo de exploración artística, un laboratorio de creación no que compartir experiencias e camiñar creativo.  Este grupo participou cos seus traballos -en proceso- na exposición Medrando con Arte, que realizamos en Arteixo en decembro e xaneiro 2021. Nuns momentos tan grises foi incrible o esforzo e a ilusión que sacamos adiante, e agora volvemos a enchernos de ilusión para compartir con vós os últimos avances e pasos destas creadoras. 

Compartimos de novo obras e procesos creativos coas persoas asistentes, así que podes emocionarte con nós o próximo venres 25 de Xuño,  en A Tobeira. Se queres asistir escribe a polotallerdepolo@gmail.com para recibirte o mellor posible e organizar axeitadamente o número de asistentes. 



 


Foi este un grupo lab cativo e heteroxéneo, con intereses e bagaxes moi distintos. Non é necesario un coñecemento previo de plástica para participar, si é preciso ter unha actitude de apertura e exploración e marcarse uns obxectivos creativos cara os que camiñar, nós faremos posible ese camiñar. Os temas dependen das participantes, algúns son máis íntimos e densos e outras persoas prefiren quedar nun área menos profunda e poñer a enerxía no traballo plástico, nas posibilidades e melloras técnicas.


Esta experiencia de laboratorio permitiunos contactar coa nosa vulnerabilidade e, ao tempo, coa forza sorprendente que se agocha dentro de nós. Foi unha montaña rusa de aprendizaxe, exploración, frustración e sorpresa que non culmina aquí senón que continuará en cada unha das participantes; coa apertura a esta capacidade tan fermosa de transformar a vida, as feridas, o cotiá en algo novo para compartir.  

 


 


Foi un tempo duro e gris na rúa mentres nós xogábamos e soñábamos con un mundo distinto, dando pasos a medrar como persoas e como creadoras. Construíndo en Os Castros  un niño de arte, de complicidade e sororidade; un niño máxico, seguro e confortable ata na tormenta máis gris. 


Estas mulleres, Marta V., M R , Natal, P. Cristobo, Shaina  e eu -Polo- queremos pechar un ciclo o próximo 25 de Xuño para ser máis conscientes dos novos por vir, do moito que nos queda por crear e facer... 


25 de Xuño en A Tobeira, en Os Castros, no principio da rúa Merced a partir das 18;00 horas, a partir das seis da tarde expoñemos obras e falamos sobre o proceso creativo destes últimos meses. Esperámoste !







Ningún comentario:

Publicar un comentario